Sunday 28 de April de 2024

O Goberno local pídelle á Xunta que dialogue cos municipios o novo plan de liñas de bus comarcal


 

A Concellería de Mobilidade ve primordial un traballo en conxunto entre os entes locais de cara a optimizar as condicións do novo servizo, que entrará en marcha en 2020

O Goberno local solicita á Xunta que dialogue coa cidade e a área metropolitana o plan de liñas do bus comarcal, que na actualidade, someteu a exposición pública de cara a sacar a concurso a finais de ano as novas concesións.

O Concello ve primordial que o Goberno autonómico teña en conta aos entes locais no novo servizo que dará cobertura aos concellos coruñeses e que se prevé entrará en marcha no primeiro semestre de 2020. Piden por iso que consulten e negocien entre todos o anteproxecto para definir como serán os itinerarios e as condicións das 41 liñas de autobús que se adxudicarán nun mesmo lote, “Leste da comarca da Coruña”, e que terá vigor nun período de dez anos prorrogables para unir A Coruña con A Laracha, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Cerceda, Culleredo, Oleiros, Ordes e Sada.

Desde a Concellería de Mobilidade estiman que é necesario un traballo en conxunto entre todas as administracións de cara a optimizar o servizo en canto a horarios e rutas, incluída a que levará aos viaxeiros de Alvedro para que poidan facer uso da mesma os pasaxeiros dos primeiros e dos últimos avións que operan na terminal coruñesa.